Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Preguntas frecuentes

Que é ISNI?
O International Standard Name Identifier —Estándar Internacional para Identificación de Nomes— é unha norma ISO desenvolvida como un sistema de identificación global de identidades públicas que poden corresponder a unha persoa natural, unha entidade legal ou un personaxe de ficción.

Que é unha identidade pública?
Unha identidade pública é o nome polo que calquera dos anteriores é coñecido publicamente.

Cal é o alcance de ISNI?

O ISNI é unha norma que identifica inequivocamente identidades relacionadas coa cadea de creación, produción, xestión e distribución de contidos intelectuais ou artísticos. Identifica a identidade pública de responsables, como autores, compositores, cartógrafos, intérpretes, autores académicos e científicos, investigadores ou editores.

Podo acceder a información completa sobre unha identidade?

ISNI está deseñado para identificar inequivocamente identidades públicas e, polo tanto, só contén a cantidade de información mínima estritamente necesaria sobre esa identidade. Non está pensado para proporcionar información completa, pero pode achegar enlaces a fontes externas onde exista esa información. Desta forma, este identificador de identidades serve para proporcionar enlaces para a mesma identidade a través de distintas bases de datos da Web.

É o ISNI unha norma oficial internacional?
Si, o ISNI é unha norma ISO (International Standard Organization - Organización Internacional de Normalización) denominada ISO 27729.

Quen utiliza ISNI?
É utilizado por calquera involucrado na cadea de contidos/medios de comunicación, dixitais ou físicos, como bibliotecas, editores, produtores de música ou películas, servizos bibliográficos, organizacións de xestión de dereitos de autor, motores de busca, tendas en liña, agregadores de datos, etc.

Cal é a estrutura e sintaxe dun ISNI?
Un ISNI está formado por 16 díxitos, o último díxito é un carácter de verificación. O carácter de verificación pode ser un díxito decimal ou un carácter ‘X’. Polo tanto, hai cen mil millóns de combinacións posibles.
Exemplo: ISNI 0000 0001 2103 2683

Que acontece coas ortografías alternativas dunha determinada identidade pública?
William Shakespear e William Shakespeare son ortografías alternativas da mesma identidade pública e, polo tanto, indican unha única identidade, cun único ISNI. O mesmo se aplica ás ortografías e presentacións alternativas e ás variacións nos conxuntos de caracteres, de transliteración e lingüísticas.

Exemplos:

  • e.e. Cummings e E. E. Cummings ou Oxford University Press e OUP son presentacións alternativas da mesma identidade.
  • Günter Graß, Guenter Grass e Guenter Graß son variacións de conxuntos de caracteres para a mesma identidade.
  • Ciaikovsky, Pjotr Iljc e Пётр Ильич Чайковский son variacións de transliteracións da mesma identidade.
  • Pyotr Tchaikovsky e Peter Tchaikovsky son variacións lingüísticas da mesma identidade.

É posible asignar múltiples ISNI ao mesmo responsable?
Abofé. O mesmo responsable pode ter múltiples identidades públicas, como é o caso dos pseudónimos que un autor puido elixir utilizar para asinar as súas creacións. Cada nome de identidade relativa a un responsable terá un ISNI diferenciado.

Exemplo: Ruth Rendell e Barbara Vine son dous nomes de identidade distintos dun responsable. Ruth Rendell e Barbara Vine terán asignados diferentes ISNI.

É posible ter enlaces entre múltiples identidades públicas?
Se o responsable o autoriza, pódense vincular dous ou máis ISNI indicando unha relación, como no caso dun pseudónimo.
Exemplo: Os metadatos ISNI para Ruth Rendell inclúen os seguintes elementos de metadatos: “ISNI 0000 0001 2149 1740 que ten para o pseudónimo ISNI 0000 0003 6864 7620”, este último é o ISNI dado para Barbara Vine.

Podo conservar o meu sistema propietario de identificación de responsables?
O ISNI foi deseñado como un identificador ‘ponte’, como unha capa aberta sobre os sistemas propietarios de identificación de responsables. Isto permite a diferentes elementos da industria intercambiar información relativa a responsables sen necesidade de revelar información confidencial. Neste sentido, o ISNI só mantén o mínimo de metadatos necesarios para diferenciar (desambiguar) dúas identidades. Toda a información relevante permanece na base de datos propietaria protexida por un acceso condicional.

Quen administra o sistema ISNI?
A Registration Authority (Autoridade de Rexistro) para esta norma é a ISNI International Agency (Axencia Intenacional ISNI). A ISNI International Agency (ISNI-IA) é unha organización internacional sen ánimo de lucro. A Registration Authority (RA), designada por ISO, está a cargo de crear e manter a base de datos de referencia ISNI. A base de datos inicial créase a partir das bases de datos dos membros, que recollen todo tipo de repertorios. A RA enriquece e estende a base de datos e é a única propietaria dos metadatos de ISNI. Tamén é responsable da administración xeral e da xestión da norma ISNI. A RA non proporciona servizos directos aos usuarios, senón que canaliza os usuarios potenciais, sistematicamente, a través dunha RA. Como podo obter un ISNI? A maioría dos usuarios accederán á base de datos ISNI a través das Axencias de Rexistro, como a Biblioteca Nacional de España. A lista de todas as RA publícase no sitio web de ISNI.

Como traballan as RAG, como a Biblioteca Nacional de España?
As RAG teñen acceso ilimitado de só lectura á base de datos ISNI completa. Ademais, son as únicas autorizadas para emitir identificadores ISNI. Todas as solicitudes dos usuarios para obter un ISNI serán canalizadas a través dunha RAG.

Como podo conseguir un ISNI?
Escribindo ao enderezo isni@bne.es

Que é necesario para obter un ISNI?
As identidades públicas identifícanse cos seguintes elementos de metadatos:
• Nome da identidade pública
• Data e lugar de nacemento e/ou falecemento (ou rexistro e disolución no caso de entidades legais)
• Categorías e funcións de acordo coa definición da RA. As categorías definen o repertorio (tales como musical, audiovisual, textual) e a función, que pode ser autor, intérprete, editor, ilustrador, etc.
• Título de referencia dunha creación
• Un URI (ou URL) que proporciona un enlace para máis información acerca da identidade.

Por que o meu ISNI contén un ‘X’? Indica un erro?
O seu ISNI é correcto e o ‘X’ non indica erro. O último díxito dun identificador ISNI é un díxito de control que serve para verificar que o número é correcto (a lonxitude é correcta e que os números están na secuencia correcta). O algoritmo do díxito de control pode ir de cero (0) a dez (10). Debido a que o díxito de control debe ter só un carácter, o 10 preséntase como un ‘X’. Os algoritmos de control utilízanse amplamente nas aplicacións informáticas.

Podo solicitar que se eliminen ou engadan datos ao meu rexistro?
Si, son posibles as peticións de engadir ou eliminar información a través da caixa de correo isni@bne.es. Calquera persoa pode engadir información a un rexistro ISNI. A petición será revisada polo Equipo de Calidade de ISNI. Se vostede é o suxeito dun rexistro ISNI, pode solicitar a eliminación dalgúns datos do rexistro, por exemplo, a data de nacemento. ISNI tamén pode colocar un campo no rexistro para protexelo fronte a futuras actualizacións das súas fontes. No caso de datos erróneos, ISNI solicitará a todas as súas fontes a corrección. ISNI tamén notificará a todas as súas fontes, se se solicita, a eliminación de datos correctos pero privados, pero non se poden garantir accións posteriores.